​Avalia-t coordina un informe sobre a efectividade e seguridade da electroporación irreversible en cancro de páncreas e fígado, no que colaboran varias axencias europeas entre elas a axencia austríaca Ludwig Boltzmann Institute for Health Technology Assessment. Este informe, de alcance europeo, pretende servir de apoio á toma de decisións no ámbito europeo logrando a equidade entre os sitemas de saúde.
 A electroporación irreversible (IRE) é unha técnica de ablación de tecidos que permite a destrución celular por medio dunha serie de pulsos eléctricos curtos e de alta voltaxe. A diferenza doutros métodos ablativos non produce calor, por tanto, podería ser utilizada para a ablación de tumores localizados en zonas sensibles ou delicadas, como vasos sanguíneos, estruturas nerviosas e, no caso do fígado, de condutos biliares.