A Unidade de Asesoramento Ciéntífico-técnico (avalia-t) é unha unidade administrativa dependente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde , de acordo co Decreto 112/2015, do 31 de xullio, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión de Coñecemento en Saúde, (DOG núm. 157 de 19 de agosto de 2015).

 

Dende a súa creación no ano 1999, avalia-t é a unidade responsable de avaliar a información científica dispoñible sobre a eficacia, efectividade, seguridade e eficiencia das tecnoloxías sanitarias e valorar o seu impacto sanitario, organizativo, económico e social.
 
Funcións
  • Seleccionar as tecnoloxías sanitarias, novas ou en uso, susceptibles de avaliación, pola súa repercusión.
  • Deseñar estudos específicos de investigación en avaliación de tecnoloxías.
  • Promover a investigación especificamente dirixida a obter a información necesaria para a avaliación de tecnoloxías fomentando a colaboración entre as universidades, os centros, unidades de investigación, as empresas e outras institucións.
  • Analizar e revisar a información científica relacionada coa avaliación das tecnoloxías sanitarias e a súa difusión entre os profesionais e os servizos sanitarios.
  • Analizar a difusión e os patróns de utilización das tecnoloxías médicas de maior impacto, en termos de saúde ou económicos, no sistema sanitario, principalmente en relación coa súa accesibilidade, demanda potencial e utilización apropiada.
  • Promover a utilización apropiada das tecnoloxías médicas mediante deseño, elaboración e difusión de guías de práctica clínica, recomendacións e participación na aplicación das tecnoloxías sanitarias, nos distintos enfoques: prevención, diagnóstico, tratamento e rehabilitación.
  • Colaborar e participar asesorando na creación e desenvolvemento de programas de avaliación de tecnoloxías sanitarias, nos diferentes niveis de decisión.
  • Recomendar o desenvolvemento de sistemas de información dirixidos a obter a documentación necesaria para a avaliación de tecnoloxías.