​É de suma importancia coñecer como os pacientes entenden a depresión e como valoran a atención recibida, xa que a percepción sobre o trastorno e sobre os servizos de saúde inflúe en boa medida no seu acceso e relación co sistema sanitario. Ademais, o manexo clínico da depresión está influenciado, entre outros factores, polas actitudes dos profesionais implicados. É por iso de grande interese contar con esta información, así como coñecer as barreiras e facilitadores para a adopción das recomendacións baseadas na evidencia propostas nas guías de práctica clínica (GPC). A aproximación cualitativa pode achegar información interesante sobre estes aspectos, tendo en conta que hai factores que dificilmente poden ser avaliados mediante investigación cuantitativa.

 
 O obxectivo xeral deste traballo é pois coñecer as perspectivas dos pacientes, familiares e profesionais sobre a depresión e o seu manexo clínico. Del tradúcense, en termos de investigación, os seguintes obxectivos específicos: analizar a vivencia da depresión e o proceso asistencial dende o punto de vista do paciente e das súas familias, así como dos profesionais; coñecer de primeira man as expectativas do paciente nos diferentes momentos do proceso e identificar tanto os puntos fortes, coma as principais áreas de mellora.