O cancro de cérvix uterino é un dos máis frecuentes entre as mulleres, aínda que máis do 80% prodúcese en países en vías de desenvolvemento. O cribado de cancro de cérvix demostrou a súa efectividade para reducir a incidencia e a mortalidade por cancro de cérvix, especialmente cando se realiza a través de programas poboacionais organizados. Inicialmente a proba de cribado era a citoloxía de Papanicolau (citoloxía convencional), que era interpretada de forma manual por un citólogo ou un patólogo. Para mellorar a efectividade do cribado introducíronse novas técnicas de obtención de mostras citolóxicas, como a citoloxía líquida, e desenvolvéronse sistemas automatizados para a lectura das mostras citolóxicas.
 

  Este informe ten como obxectivo avaliar a eficacia e a efectividade da lectura automatizada fronte á lectura manual das citoloxías (convencional ou líquida) no cribado de cancro de cérvix uterino.