A National Guideline Clearinghouse (NGC), base de datos e repositorio de guías de práctica clínica da Agency for Healthcare Research and Quality (AHRQ), acaba de incluír a versión en inglés da Guía de Práctica Clínica sobre o manexo da depresión maior no adulto, (Clinical practice guideline on the management of depression in adults) publicada pola Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias de Galicia, avalia-t.
A calidade dos documentos indexados pola NGC está avalada polos rigorosos criterios de inclusión da mesma:
 - a GPC a texto completo debe estar dispoñible en inglés, xa sexa en formato impreso ou electrónico,
 - guías elaboradas por asociacións profesionais, sociedades científicas relevantes, ou organizacións públicas ou privadas,
 - as GPCs están baseadas na revisión sistemática da evidencia, como o demostran as seguintes características:
  1. inclusión de forma sistemática de recomendacións e información para médicos, outros profesionais sanitarios e/ou pacientes,
  2. información orientada á toma de decisións sobre o coidado de saúde,
  3. inclusión dunha procura bibliográfica detallada, que garanta a reproducibilidade e validación,
  4. descrición da selección de estudos coa inclusión de táboas de evidencia.