A Consellería de Sanidade de Galicia, na súa misión de mellorar o estado de saúde da poboación da Comunidade Autónoma de Galicia, garantir os dereitos e manter a sostibilidade financeira, considera imprescindible que a toma de decisións dentro do Sistema Público de Saúde de Galicia se realice do xeito máis obxectivo posible e fundamentado na mellor información dispoñible.
Neste contexto, a avaliación de tecnoloxías sanitarias, entendida como un proceso de análise sistemático e multidisciplinar das consecuencias da introdución, difusión e utilización das tecnoloxías sanitarias, é unha ferramenta para promover o desenvolvemento racional das tecnoloxías.
O principal obxectivo da avaliación de tecnoloxías sanitarias é axudar á toma de decisións no ámbito sanitario, achegando información cun alto nivel de calidade científica nunha linguaxe comprensible, a distintos niveis: grupos profesionais, órganos xestores e poboación xeral.
A Unidade de Asesoramento Científico-técnico (avalia-t) , dependente de a Axencia Galega para a Xestión do Coñocemento en Saúde,  é a unidade responsable de avaliar a información científica dispoñible sobre a eficacia, efectividade, seguridade e eficiencia das tecnoloxías sanitarias e valorar o seu impacto sanitario, organizativo, económico e social.

Misión
Promover que a introdución, difusión e utilización das tecnoloxías médicas se realice utilizando criterios de eficacia, efectividade e seguridade demostradas cientificamente, contribuíndo deste xeito a elevar o nivel de saúde da poboación.

Visión
Dar soporte ás decisións clínicas e de xestión avaliando a mellor información dispoñible e considerando o impacto clínico, económico, organizativo, social, ético e legal das tecnoloxías e incorporando as preferencias dos pacientes.

Valores
Utilizar metodoloxía de calidade, traballar en equipo con rigorosidade e transparencia, con independencia e autonomía e ao servizo do Sistema Nacional de Saúde e do cidadán.