A atención ao parto representa unha parte moi importante da actividade hospitalaria, por diante mesmo das enfermidades do aparello circulatorio, dixestivo ou respiratorio. Nos últimos anos abriuse un debate sobre o manexo do parto vaginal sen complicacións na muller sa e empezouse a cuestionar a utilización rutineira de procedementos ou tecnoloxías que, ademais de ser incómodas para a muller, poden chegar a alterar a súa saúde ou a do neonato.

 Os obxectivos principais deste informe son:
- Describir os tipos de parto e as variacións existentes nas taxas de utilización de diversos procedementos relacionados co parto, así como estudar a variabilidade existente entre comunidades autónomas, provincias e tipos de hospitais españois entre 2001 e 2006.
- Realizar unha revisión sistemática sobre o estado de coñecemento actual da efectividade e seguridade daqueles aspectos relacionados co parto normal en mulleres de baixo risco e establecer conclusións baseadas na evidencia para a súa utilización na práctica clínica.