​As infeccións respiratorias son as patoloxías máis frecuentes nos servizos de atención primaria (AP) e de urxencias hospitalarias e inclúen as infeccións do tracto respiratorio superior e inferior. As infeccións agudas das vías respiratorias inferiores engloban as bronquites agudas, as pneumonías e as exacerbacións de enfermidade obstrutiva crónica (EPOC)).

A pneumonía e máis frecuentemente a bronquite aguda adoitan ser infeccións de etioloxía vírica, mentres que máis do 50% das exacerbacións de EPOC de orixe infecciosa son bacterianas.

Segundo a bibliografía revisada, a PCT parece ser un marcador útil no diagnóstico de infeccións respiratorias bacterianas. Tamén pode ser de utilidade para realizar o diagnóstico diferencial entre infección respiratoria causada por pneumococo fronte a outras bacterias. Non obstante parece non axudar ao diagnóstico da infección respiratoria por bacterias atípicas ou virus. O manexo do tratamento antibiótico guiado por PCT en pacientes con infeccións do tracto respiratorio parece que reduce a taxa de prescrición antibiótica, así como a duración do tratamento farmacolóxico, ao comparalo coas guías de práctica clínica ou o tratamento empírico. Non obstante, non
parece reducir a duración das estanzas hospitalarias.