​A insuficiencia renal crónica é unha enfermidade progresiva con múltiples causas que dexenera en fallo renal terminal, cuxa consecuencia é a perda irreversible da función renal, de maneira que o paciente depende de forma permanente do tratamento renal substitutivo. Afecta sobre todo á poboación de idade máis avanzada, polo que son admitidas a tratamento persoas cada vez con maior idade. A decisión dos nefrólogos respecto ao momento de iniciar a diálise adoita basearse nunha combinación de síntomas urémicos, de parámetros de laboratorio, e de factores individuais. A maioría das guías de práctica clínica recomendan o inicio da diálise cando a función renal cae por debaixo de 15 ou 10 ml/min e hai presenza de
uremia ou malnutrición, e en calquera caso, de forma inmediata cando a función renal é menor de 6 ml/min, aínda que na actualidade non existe un criterio obxectivo e uniforme sobre o momento óptimo de iniciar o tratamento renal substitutivo.

O obxectivo é analizar a influencia do momento do inicio da diálise na morbilidade e mortalidade dos pacientes con insuficiencia renal crónica durante os primeiros anos de diálise baseándose na función renal residual, así como valorar a influencia do inicio da diálise na calidade de vida do paciente.