A insuficiencia hepática consiste nunha incapacidade do fígado para levar a cabo as súas funcións metabólicas e de excreción e detoxificación de sustancias. En principio, tanto a insuficiencia hepática aguda como a deterioración dunha hepatopatía crónica compensada son situacións reversibles, non así o empeoramento producido nun paciente cunha enfermidade hepática terminal.
 O único tratamento que demostrou mellorar o prognóstico dos casos máis graves de insuficiencia hepática é o transplante do órgano, aínda que o seu custo e a escaseza de doantes obrigou a buscar novas terapias de substitución que sirvan de "ponte" para o transplante ou que faciliten a recuperación das funcións hepáticas, como o sistema Prometheus®, que consiste nunha plasmaféresis ou filtración da albúmina do paciente, seguida de absorción.
 Este traballo ten como obxectivo avaliar a eficacia e a seguridade do sistema de soporte hepático extracorpóreo Prometheus® no tratamento da insuficiencia hepática.