Resumo.

Introdución: O sistema de infusión e liberación continua de anestésico local a nivel da ferida cirúrxica é unha modalidade terapéutica que permite a administración dunha dose variable de anestésico local e cunha cadencia predeterminada. Dado que a dor é un dos principais efectos secundarios nos pacientes que se someteron a unha intervención cirúrxica e que as alternativas existentes en moitas ocasións non achegan unha solución aceptable fronte ao mesmo, este sistema podería ser unha alternativa aceptable para afrontar a resolución deste problema.

 Obxectivos: Valorar a eficacia/efectividade e seguridade do sistema de infusión e liberación continua de anestésico local a nivel da ferida cirúrxica. Realizar unha avaliación económica do sistema fronte á práctica habitual a nivel hospitalario.

 Métodos: Realizouse unha revisión da literatura científica desde xaneiro de 1998 ata xaneiro de 2008 nas seguintes bases de datos:
- Bases de datos especializadas en Revisións Sistemáticas: Health Technology Assessment (HTA), Database of Abstracts of Reviews of Effectiveness (DARE), National Health Service Economic Evaluation Database (NHS EED) e a Cochrane Library Plus.
- Bases de datos xerais: Medline, Embase e ISI Web of Science.

 Resultados: Do resultado da procura bibliográfica seleccionáronse os 10 artigos que cumprían os criterios de selección que se habían prefijado. Os dez eran ensaios clínicos, de maior ou menor calidade nos que se diferenciaba claramente un grupo tratamento e un grupo control. Os resultados non indicaron unha clara vantaxe do sistema fronte á práctica habitualmente empregada no tratamento destes pacientes. Tampouco se observaron problemas de seguridade na aplicación do dispositivo.