O orto-ftalaldehído (OPA) ao 0,55% é un desinfectante de alto nivel aprobado pola Food and Drug Administration (FDA) no ano 1999, que se presenta como unha alternativa para substituír ao glutaraldehído ao 2% na desinfección de material semicrítico. Organismos como os Centers for Disease Control and Prevention (CDC) achegan información sobre a súa eficacia a través de diversos estudos in vitro. Comercialízase co nome de Cidex®OPA Solution (Johnson&Johnson), sendo unha solución reutilizable que se pode empregar tanto no procedemento de desinfección manual como no automático.
 Os obxectivos deste traballo son: a) avaliar, segundo o coñecemento científico dispoñible, a efectividade e seguridade do ortoftalaldehído ao 0,55% na desinfección de alto nivel de material sanitario e b) comparar o orto-ftalaldehído con outras alternativas dispoñibles para a desinfección de alto nivel, en termos de custos e/ou custo-efectividade.