A depresión é un importante problema de saúde na adolescencia asociada a un déficit funcional significativo e á diminución da calidade de vida dos mozos. A pesar diso, diferentes estudos apuntan a que unha cantidade considerable de afectados poderían non ser diagnosticados, e por tanto poderían non recibir ningún tipo de axuda profesional. Actualmente existe certo consenso a nivel internacional sobre a necesidade de realizar cribado de depresión na idade adolescente en atención primaria. O programa TIDY (Therapeutic Identification of Depression in Young People) foi deseñado en Reino Unido como un procedemento de identificación terapéutica que combina o cribado de depresión na adolescencia cunha breve intervención psicolóxica en atención primaria. O TIDY, asociado á formación de médicos e enfermeiros de atención primaria, demostrou a súa viabilidade e aceptabilidade en Reino Unido. En España existe interese clínico en explorar mecanismos que favorezan a detección temperá da depresión no ámbito de atención primaria.
 O obxectivo xeral deste informe é avaliar a viabilidade e aplicabilidade do Programa TIDY no Sistema Nacional de Saúde.