Continuando coa liña de investigación de cribados neonatais, avalia-t avalía neste informe a efectividade clínica do cribado neonatal da inmunodeficiencia combinada grave, tamén coñecida como síndrome do 'neno burbulla'.

Os programas de cribado neonatal teñen como obxectivo a identificación e o tratamento precoz de enfermidades conxénitas tratables, para reducir a morbi-mortalidade e as posibles discapacidades asociadas. Estes programas deben garantir un acceso equitativo e universal de todos os recentemente nacidos da poboación diana, coa correcta información aos pais para a axuda á toma de decisións.
Con todo, non se debe iniciar o cribado neonatal dunha enfermidade se as vantaxes da súa detección precoz para o recén nacido non están claramente definidas e sen que existan garantías dun adecuado diagnóstico, seguimento e tratamento de todos os nenos identificados por parte do sistema sanitario.